Manglares Filipinas
Selva de Iquitos
Arrozais de Yuanyang
Xardín do Eden
Saidmareh
Los Sargazos
Coidos Corrubedo
Bosque de mexillóns
Pantano Atchafalaya
O Pantanal
Xardíns e bosque de auga
Bosques de Kelp
Papiro do Nilo
VOLTAR
Nenúfares e papiro do Nilo, Exipto
Nas ribeiras do Nilo e no seu delta, o papiro Cyperus papyrus e a flor de loto (Nymphaea cerulae) eran os símbolos nacionais do Baixo e do Alto Exipto. Segundo a mitoloxía exipcia, Ra, o deus Sol, a súa principal divindade, naceu dun loto azul que flotaba entre as escuras augas do caos. No seu precioso estilo naturalista, os frescos e os xeroglíficos exipcios legáronnos innumerables rexistros da beleza e da exuberancia deste gran xardín que é o val do Nilo, coas flores, plantas, aves, peixes e réptiles que poboaban as súas augas e as ribeiras do gran río.
Selva de Iquitos, Perú. Conca do Amazonas
Iquitos é un porto fluvial de case medio millón de habitantes na conca alta do río Amazonas, no Perú. Está situada entre os ríos Nanay, Itaya, o propio Amazonas e innumerables lagos que forman os cursos abandonados. Iquitos conserva numerosas palafitas que chegan a constituír barrios enteiros, como a cidade flotante de Belén. Entre as principais atraccións encóntrase o nenúfar coñecido como Vitoria rexia, cuxas follas alcanzan os dous metros de diámetro e que pode soportar o peso dun neno.
O Xardín do Edén
As marismas do Tigris e do Éufrates, entre Irán e Iraq, é o lugar no que moitos quixeron ver o mítico Xardín do Edén que relata o libro da Xénese e, no ámbito destas marismas, encóntranse os restos da cidade de Ur que visitou Abraham. Este humidal, o maior de todo Oriente Medio, foi desecado deliberadamente de forma dramática nas últimas décadas mediante a regulación das canles para aproveitar as súas augas. Non obstante, dende hai algúns anos, algúns novos programas ambientais pretenden reverter este desastre natural.
O mar dos Sargazos é unha zona de augas calmas no Atlántico oriental onde proliferan algas flotantes –os argazos– que constitúen enormes masas vexetais entrelazadas a xeito de bosque mariño. Estas masas de algas foron xa descubertas e rexistradas por Cristóbal Colón nas súas viaxes de regreso de América e, na ausencia de ventos que impedisen o avance das naves, comezou a xerarse a lenda de que as algas atrapaban os barcos.
Mar dos Sargazos
Bosques de mexillóns, Galicia
Este bosque submarino é artificial, coa aparencia dun xardín colgante de plataformas nas que se cultiva o mexillón, e que reciben en Galicia o nome de bateas ou mexilloeiras. Os mexillóns están apiñados en cordas duns dez metros de lonxitude, nas que se engorda a semente dos mexillóns. Esta semente recóllese na costa rochosa das inmediacións e trasládase ás bateas que se dispoñen en lugares escollidos que combinan a protección das rías fronte aos temporais de inverno co acceso ás augas abertas, o que permite que os moluscos se nutran de plancto oceánico.
Pantano Atchafalaya, Lousiana. USA
O maior pantano dos EUA, no delta do Mississippi, cuns 2400 km de superficie, ofrece unha gran variedade de biótopos palustres a medida que as súas augas pasan de doce a salobre, na proximidade do océano. De entre todos eles sobresaen, pola súa espectacular beleza, os bosques de cipreses calvos, onde encontra refuxio unha gran variedade de fauna.
Pantanal. Brasil
Nesta zona do Matto Grosso, situada entre Brasil, Paraguai e Bolivia, encóntrase o Pantanal ou a Lagoa de Jarayes, unha xigantesca zona inundable de entre un terzo e a metade da superficie peninsular de España. Este inmenso humidal recibe a maior parte das achegas de auga entre os meses de outubro a marzo e ve reducir o seu nivel de abril a setembro, durante a chamada estación seca. Aquí, os botánicos identificaron miles de especies vexetais e a maior variedade de flora acuática do planeta.
Aínda que o nome xenérico de kelp fai referencia a unha orde de algas pardas entre as que se inclúen numerosas familias e especies, é a maior delas, o kelp xigante (Macrocystis pyriferia), a que bate as marcas de tamaño e de crecemento. Esta alga, que vive en zonas rochosas de augas mornas e frías das costas do Pacífico, crea verdadeiros bosques de algas que acollen e alimentan multitude de especies animais. O seu enorme tamaño e a súa densidade modifica a ecoloxía das zonas onde se encontra e chega a mudar mesmo a química das augas.
Bosques de Kelp xigante, Nova Celandia
En Filipinas, onde os manglares sufriron unha dramática deforestación que reduciu a súa extensión a un quinto da que tiñan hai un século, o manglar de Butgtong Bato e Naisud, no municipio de Ibajay, constitúe un magnífico exemplo dun manglar maduro e cunha elevada diversidade, xa que acolle 28 das 35 especies arbóreas que existen en Filipinas. Non obstante, entre todos eles destacan os centenarios exemplares de Avicennia rumphiana, de vinte metros de altura e ata oito de perímetro.
Manglares de Bugtongbato Naisud Filipinas.
Os arrozais de Yuanyang, ao sur da China, constitúen unha das paisaxes artificiais máis belas da Terra. Yuanyangse localízase na provincia de Yunnan que, cun tamaño similar ao de Alemaña e cunha poboación semellante á de España, presenta unha enorme diversidade cultural, xeográfica e paisaxística, debida en boa parte ás diferenzas de altitude, que van dende os 6700 a menos de 100 metros sobre o nivel do mar.
Arrozais de Yuanyang, Yunnan. China.